Unha década despois, na materia «Saúde Pública» da Diplomatura Universitaria en Enfermería, aprendín que xa no século XVIII o médico inglés Edward Jenner deducira que as leiteiras do seu pobo non padecían a varíola porque ao muxir tiñan contacto continuo co virus que provoca esta doenza nas vacas. Desta observación xurdiu a vacina da varíola humana e con ela todas as vacinas posteriores.
Grazas a este fito da ciencia médica, pódese afirmar que Jenner salvou máis vidas que mortos provocaron, todos xuntos, Alexandre Magno, César, Atila, Genghis Khan, Carlos V, Napoleón, Hitler, Stalin e moitísimos outros emperadores e xenerais ao longo da historia.